A Rede de Parques Nacionais é un sistema integrado de protección e xestión dunha selección dos mellores exemplos do Patrimonio Natural español. Está formado polos Parques Nacionais que o integran, o marco normativo, os medios materiais e humanos, as institucións e o sistema de relacións necesarios para o seu funcionamento.
Mapa dos Parques Nacionais do Observatorio TIAMAT
Parque Nacional Marítimo-Terrestre del Archipiélago de Cabrera
A pouco máis dunha hora en barco desde Mallorca, o arquipélago de Cabrera é o mellor exemplo de ecosistemas insulares non alterados do Mediterráneo Español. Desde 1991, o Parque Nacional Marítimo Terrestre acubilla toda a riqueza natural deste conxunto de illas e illotes calcáreos: importantes colonias de aves mariñas, especies endémicas e un dos fondos mariños mellor conservados da nosa costa. Os fondos mariños tamén representan unha parte moi importante do Parque, con máis de 200 especies de peixes e numerosos invertebrados endémicos.
Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia
Estas illas encadéanse desde a Ría de Arousa á de Vigo, emerxendo do océano e embelecendo a paisaxe mariña coa maxia dos seus cantís. Nas súas entrañas, no fondo do mar, gárdanse as máis prezadas riquezas ecolóxicas deste Parque Nacional, custodiadas polos cañóns dos antigos barcos aquí afundidos. Representa sistemas naturais vinculados a zonas costeiras e plataforma continental da Rexión Eurosiberiana. Os cantís, a matogueira, as dunas e as praias, así como os distintos fondos mariños (rocha, area, cuncha…) crean un gran mosaico de ecosistemas nestas illas e as augas que as rodean. Esta diversidade de escenarios dá cabida a un gran número de especies: máis de 200 tipos de algas entre as que se refuxian e crían un gran número de peixes e moluscos, aves mariñas que aniñan nas cornisas dos cantís e pescan en augas pouco profundas, plantas sorprendentemente adaptadas a vivir entre as areas das dunas ou nas estreitas fendas dos cantís.
Parque Nacional de Doñana
O Parque Nacional de Doñana é un mosaico de ecosistemas que albergan unha biodiversidade única en Europa. Destacan sobre todo as marismas, de extraordinaria importancia como lugar de paso, cría e invernada de miles de aves europeas e africanas. No Parque habitan especies singulares, e en grave perigo de extinción, como a aguia imperial ibérica e o lince ibérico. Doñana é a confluencia dun conxunto de ecosistemas (praia, dunas, cotos, marismas,…) que dan a este Parque unha personalidade única.